-Sera, ¿como foron os teus inicios? ¿Foron no Club Ciclista O Rosal non?
Decanteime pola bicicleta porque estaba todo o día montado nela, aos 12 tiven que elixir porque era difícil compaxinalo por exemplo co fútbol. Empecei aos 8 no Club Ciclista O Rosal e ata os 17 foron os mellores anos, onde máis gocei da bicicleta, a partir de aí foi máis un traballo que realmente disfrutar. Estiven dous anos no Expert Ponteareas cando era xuvenil, xa que no equipo rosaleiro na miña categoría era o único e era complicado para levarme a min só a competir.
-En que outros equipos estiveches ao largo da túa carreira… antes de ser profesional…
Despois da escuadra pontareá fichei polo Club Ciclista Vigués (antigo Pescanova), outros dous anos (2004-2005). No 2006 enroleime nas filas do Supermercados Froiz como afeccionado.
-¿Como foi que te propuxeron ser profesional? Explícanos a grandes rasgos como foi ese paso.
A verdade é que foi dunha maneira moi curiosa. Comentáronmo a metade de temporada. Quedara Campión Galego de Contrarreloxo e despois dun quinto posto tamén nesa disciplina a nivel nacional clasifiqueime 3º no Campionato de España de Fondo Sub-23. Antes de subir a recoller o trofeo pásanme un teléfono e dinme “é para ti”… a sorpresa foi cando respondo e o que chamaba era Álvaro Pino invitándome a ser profesional: “Sera, conto contigo”…
-Como é Álvaro Pino, agora que xa levas tres anos no Xacobeo Galicia …
Como director deportivo é impresionante. Sabe como ninguén ler ben as carreiras e quitarlle a cada corredor o máximo rendemento, sempre trata de pedirte o 100%. Iso si, é duro e esixente, como non cumpras os obxectivos… a verdade é que se pon firme. Pero tacticamente é para quitarse o sombreiro… un luxo.
-Ezequiel Mosquera é o voso xefe de filas ¿verdade?
Si, todos traballamos para el. Un adxectivo para definilo: a humildade, pero cen por cen, como persoa e como ciclista. Igual lle falta iso, darnos un pouco máis de caña, ser un pouco máis duro cara nós cando estamos competindo, debería mandarnos máis porque é o líder indiscutible, pero é moi bo de carácter. Ademais é un fenómeno na montaña e se aínda por riba chove e fai frío, mellor, porque é certo que no calor non se adapta moi ben.
-Agora o equipo chámase Xacobeo Galicia, pero comezou sendo o Karpin Galicia…
Na miña opinión será cousa da crise… Con Karpin estivemos 2 anos, con moita publicidade, era un ex-xogador moi mediático e durante o tempo que patrocinou o equipo estivo moi contento. Agora co Xacobeo temos contrato ata o 2010 e de momento están satisfeitos co noso papel sobre todo coa última Vuelta a España pois sempre procuramos mostrarnos na maioría das carreiras, sobre todo meténdonos nalgunha escapada.
-Falando de escapadas… témoste visto en moitas ocasións que te animas a entrar nelas. A última foi na Clásica de Almería deste ano ¿non?
Pois si, a verdade é que teño bastante maña para pillar as fugas, tanto só como con varios corredores. Nesa Clásica gañei o Premio das Metas Voantes tras unha escapada de máis de noventa quilómetros con outros catro ciclistas, pero foi unha mágoa, xa que nos neutralizaron cando só quedaban 12 km para a meta.
-Só de escapadas non vive un ciclista, así que ¿tes algunha especialidade ou gústache algún terreo máis que outro?
Antes de ser profesional considerábame especialista nas contrarreloxos, pero perdín peso e ao estar delgado atópome en forma e dou o mellor de min na montaña, nas boas subidas. Iso si, penso que hoxe en día me defendo nas probas cronometradas e se estou en grupos pequenos de 15-20 corredores que chegan á meta aínda me meto no sprint para disputar a etapa. Por exemplo o ano pasado quedei 11º no Campionato de España de Fondo que gañou Alejandro Valverde.
-A pregunta do millón: ¿e o Tour de Francia… para cando?
Uff, todo depende. Nós estamos –digamos- na “segunda división”. Para estar na “Primeira” (son 18 equipos) e nos inviten tíñamos que ter sete ou oito corredores de nivel ou quizais algún francés. Pero invitáronnos ao Giro de Italia, que está moi ben. Ademais tendo a Ezequiel contamos con estar entre os 5 primeiros.
-Que contrato tes, cantos anos te restan para finalizalo?
Decidín firmar por un ano, aínda que me ofreceron dous. Tiña outra oferta pero decidín quedarme. Ao ser un ciclista novo e ter proxección é mellor firmar pouco tempo.
-Un sono por realizar
Evidentemente tanto a min como ao equipo nos gustaría participar no Tour de Francia. Persoalmente gañar unha etapa sería moi bonito e non digo ganar o Tour, iso si que sería un sono, algo incrible. Pero podo dicir que o ano pasado disputando a “Ruta del Sur” (onde ao ser nos Pirineos case todos os portos son os do Tour) quedei en 17º posto e pasei escapado en 3º lugar polo mítico Tourmalet, unha das etapas raíñas da ronda gala.
-Un sono cumprido
Ser corredor profesional, desde pequeno que comecei a darlle aos pedais e ves aos ciclistas na televisión, na Vuelta… E anos máis tarde aí estaba eu…
-Temos entendido que estudaches ou estudas unha carreira universitaria, cóntanos…
Pois si xa son Diplomado en Económicas. Estudo en Vigo agora a Licenciatura, pero con calma, case sen presión, pois collo tres-catro asignaturas por ano. De momento vaime ben, non hai queixa.
-Ata cando pensas que competirás profesionalmente no mundo da bicicleta.
Se todo vai ben espero estar a un nivel bastante bo ata os 33-34 anos, pero claro, o ciclismo depende de que te respecten as lesións e teñas uns resultados decentes, así ademais non te faltan equipos.
-¿Como levas o de estar lonxe da casa… existe morriña cando se está fóra?
Claro que si, bótase de menos O Rosal, sobre todo cando vas por aí por Castela e ves todo seco, ou o Mediterráneo con 40 graos, urbanismo, xente e casas por todos lados, noto a falta da brisa do mar… E non digamos xa á familia e os amigos.
-Xa para rematar, ¿cal é a túa próxima carreira, competición… o teu próximo obxectivo?
O día 22 de abril vou ao norte de Italia, en concreto á rexión de Trentino para ver se me collen para correr o Giro. Hai 5 ciclistas fixos, así que veremos como me atopo e se me desenvolvo ben por esas terras.
0 comentarios:
Deja tu comentario